Factuza sae o 1 de setembro de 2026. Aínda non se pode contratar — avísame ese día.
Factuza

A app de Factuza para Android

Versión de probas. Instálase a man, aínda non está en Google Play.

O que esta versión fai e o que aínda non fai As facturas numéranse de forma correlativa, encadéanse unhas coas outras e calcúlaselles a pegada exactamente igual que en produción —co mesmo código que usa o servidor—. Pero aínda non se remiten á Axencia Tributaria: quedan gardadas no teléfono como pendentes de envío. Non substitúen o teu programa de facturación.

A app é aínda para probadores convidados.

Factuza sae o 1 de setembro de 2026. Ata entón a versión de Android repártese a man, con nome e apelidos, porque as facturas que emite aínda non se remiten á Axencia Tributaria.

Avísame o día que saia · Quero probala antes

Como instalala

  1. Toca o botón de descargar desde o propio móbil ou tableta.
  2. Android avisará de que o ficheiro pode ser perigoso porque non vén de Play. Elixe Descargar igualmente.
  3. Abre o ficheiro descargado. A primeira vez, Android pedirá permiso para instalar aplicacións desde o navegador: dálle a Axustes, activa Permitir desde esta fonte e volve atrás.
  4. Toca Instalar.

Ao abrila por primeira vez só verás a lapela Axustes, e é a propósito: ata que non estean o teu NIF e o teu nome ou razón social non aparecen as de Emitir, Facturas e Clientes. Eses dous datos viaxan dentro de cada rexistro e entran no cálculo da pegada, así que non se poden corrixir despois sen romper a cadea.

Que trae a 0.19

Dous sitios polos que a app aínda se podía pechar, tapados. Esta versión non trae nada que se poida usar: existe porque quedaban dous ocos na rede que se puxo na 0.17. Un está ao volver a Emitir traendo algo doutra pantalla —«Nova coma esta», rectificar unha factura, ou volver da axenda cun cliente elixido—: ese envorcado facíase sen rede, e se algo fallase alí pechábase a app enteira. O outro, ao abrir a axenda para elixir cliente, que ocorre a metade dunha factura sen rematar. Agora os dous avisan e seguen, en vez de pecharse.

Vai tamén unha corrección pequena que si se nota: a pantalla de Emitir pintábase dúas veces seguidas cada vez que entrabas na lapela, por unha liña repetida. Agora píntase unha e entra algo máis rápida.

E por debaixo, fóra do móbil: o diagnóstico que se sobe cando algo falla en Azure xa non arrastra ao repositorio os identificadores da subscrición, do inquilino, o correo nin o nome do servidor da base de datos —non son contrasinais, pero son o enderezo da casa—, e o rastrexador de credenciais do taller, que miraba en todos os ficheiros menos precisamente nese, agora tamén o mira.

Que trouxo a 0.18

Dar de alta un cliente cunha foto. Se tes diante unha factura súa —ou unha túa das de antes, ou o PDF que che mandou por correo— xa non fai falta teclear os seus datos. Entras en Clientes, dáslle a engadir e enriba do formulario sae «Tes unha factura súa?». Fáslle a foto alí mesmo ou elixes un ficheiro do móbil; vale igual unha foto que un PDF. A app saca o nome, o NIF e o enderezo e escríbeos nos campos.

Lese dentro do teléfono. A imaxe da factura non se manda a ningún servidor, nin ao noso nin ao de ninguén. A primeira vez, o sistema descarga o lector de texto; a partir de aí funciona tamén sen cobertura.

Hai unha cousa que a app se nega a facer, e convén explicala porque é a que de verdade importa: adiviñar. En toda factura saen dous NIF, o de quen a emite e o de quen a recibe, e decidir cal dos dous é o cliente non é ler, é elixir. Se o teu NIF está posto en Axustes, a app risca a túa parte e queda coa outra sen preguntarche nada. Se non o pode saber con seguridade —porque falta o teu NIF, ou porque o papel non rotula quen é quen— amósache os dous e elixes ti. Colar un NIF equivocado con cara de seguro sería o peor que podería pasar aquí: ese NIF cópiase dentro de cada factura que lle emitas e entra no cálculo da pegada, e despois xa non se corrixe.

Polo mesmo, o lido non se garda só: escríbese nos campos, onde podes corrixilo, e gardas ti. E o lector aparece unicamente ao dar de alta un cliente novo, nunca ao editar un que xa tes, para que unha lectura torta non poida pisar un dato que xa estaba ben. Repasa sempre o NIF antes de gardar: sae dunha foto, non dun rexistro oficial.

Que trouxo a 0.17

O IVE da ficha da factura, ben. Isto importa se facturas con máis dun tipo de IVE na mesma factura, que é o normal nun oficio: man de obra ao 21 % e material ao 10 %. Ata agora a ficha da factura amosaba unha soa liña de IVE, a do primeiro tipo, así que unha factura de dous tipos víase no móbil coma se fose enteira ao 21 % e a cota que poñía alí non coincidía coa do PDF que lle mandaras ao cliente.

Convén dicir exactamente que estaba mal e que non: o PDF sempre estivo ben, e o rexistro que se asina e se encadea tamén. O que estaba mal era o que se lía nunha pantalla. Ningunha factura emitida está mal por isto.

Agora esa ficha amosa unha liña por cada tipo, coa base sobre a que se aplica cada un, e amosa ademais o que antes non saía: as liñas exentas coa súa causa, a inversión do suxeito pasivo, os suplidos e a recarga de equivalencia. Esas liñas calcúlanse no mesmo sitio do que saen as do PDF, así que as dúas non poden volver dicir cousas distintas.

E ningunha pantalla pode xa pechar a app. Isto non se ve, e é a lección que deixou a 0.16: aquel peche provocábao unha pantalla que non soubo pintarse, e como non había nada que parase o erro, levaba a aplicación enteira por diante. Agora todas as pantallas van con rede debaixo. Se un día algunha non consegue pintarse, queda coxa esa e dísecho —«esta pantalla non saíu enteira», coa advertencia de que non se borrou nada—, en lugar de pecharse a app. O detalle técnico queda apuntado e sae enriba de Axustes cun botón para copialo e mandalo.

Nas pantallas onde se edita algo —a ficha dun cliente, un orzamento, unha plantilla das que se repiten— a rede fai ademais outra cousa: se non se abriron enteiras, bloquéase o gardar a propósito. Gardar escribe o que haxa nos campos, e os campos que non chegaron a encherse escribirían en branco o NIF, o enderezo ou o vencemento dun cliente que si os tiña, e eses datos van copiados dentro de cada factura que se lle emita.

Que trouxo a 0.16

Arranxado o peche nada máis abrir. Se a app se pechaba soa xusto despois da pantalla do logotipo, esta versión arránxao.

A causa era unha soa liña da pantalla de Axustes. Pedía unha cor ao catálogo da aplicación dun xeito que no móbil non chega ás cores que viven nun ficheiro á parte: en vez de contestar «non a teño» —que é xusto o que esa liña daba por suposto, tanto que levaba ao lado unha cor de reposto que non se usaba nunca— lanzaba un erro e levaba a app por diante.

Estaba agochado desde a 0.9 porque só salta ao chegar a esa pantalla, e mentres non puxeches o teu NIF esa pantalla é a única que hai. De aí que nun móbil recén instalado se pechase nada máis abrir, e que nun xa configurado non se notase. Agora a cor vai escrita directamente no código e non depende de ningún catálogo.

Co arranxo van dúas cousas máis, que son as que impiden que o mesmo tipo de tropezo volva custar tanto. Axustes píntase agora por seccións independentes —o logotipo, as cores, o exemplo da factura, a versión e o estado da copia—, así que unha que falle queda ela sen pintar en lugar de arrastrar as demais e o formulario da alta. E se aínda así a pantalla non chegase a cargarse enteira, o botón de gardar bloquéase a propósito: uns axustes a medias teñen os campos baleiros, e gardalos escribiría eses ocos enriba do teu NIF e o teu nome, que entran na pegada de cada factura e despois xa non se corrixen.

Mantense todo o que trouxo a 0.15, que é o que permitiu atopar isto nunha tarde en vez de ás cegas.

Que trouxo a 0.15

Se a app se pecha soa, agora cóntacho. Esta versión non trae ningunha función nova: tapa un burato polo que un peche inesperado quedaba para sempre sen explicación, que é o peor sitio no que pode estar un programa que se instala a man nun móbil, sen cable e sen ordenador onde mirar.

O que pasaba era isto. A app daba o arranque por bo en canto se pintaba a pantalla do logotipo, e a parte pesada —montar as lapelas e todos os seus servizos— vén despois. Se se pechaba xusto aí, o fallo quedaba apuntado coma un tropezo coa app xa en marcha; a vez seguinte abría con normalidade, estrelábase no mesmo sitio, e o detalle do fallo, escrito dentro do móbil desde o primeiro intento, non chegaba a verse nunca. Un bucle de logotipo e peche sen unha soa pista.

Agora o arranque non se dá por bo ata que a app leva doce segundos de pé de verdade. Se se vai antes, ao volver abrila sae unha pantalla vermella co detalle técnico e un botón para copialo e mandalo a soporte. Doce segundos e non dous porque hai traballo que arranca a propósito con retraso —a copia automática, a comprobación de versión— e un fallo seu é igual de mortal e repetiríase igual.

Vai tamén un rastro de miguiñas para o caso peor: os peches que non deixan ningún erro apuntado, os que veñen do propio Android por debaixo. A app vai anotando por onde vai o arranque e borra esa lista ao chegar ao final; se un día non chega, a lista aparece na mesma pantalla vermella e di ata onde chegou. Non é a causa, pero é o sitio, que é o que facía falta.

E mentres haxa un aviso sen ler, a app non fai a copia automática do arranque. Se resultase ser precisamente ese traballo de fondo o que estorba, repetilo ao abrir sería repetir o accidente, e non chegarías nunca á pantalla desde a que poder contalo. En canto les o aviso, todo volve só á normalidade sen tocar nada.

Que trouxo a 0.14

Copias de seguridade que se fan soas, e un rescate se o ficheiro de datos se estraga. Factuza garda agora dentro do propio móbil, sen que haxa que pedirllo, as cinco últimas versións dos teus datos, e vainas rotando.

Convén dicir con precisión de que serven e de que non, porque unha copia que se cre máis segura do que é fai máis dano que ningunha. Estas cinco protexen de tres cousas reais: un ficheiro que se corrompe a medio escribir, unha restauración equivocada que se quere desfacer, e un borrado accidental. Non protexen de perder o teléfono, de que cho rouben, de que se molle nin de desinstalar a app, porque viven na mesma carpeta privada que os datos e vanse con ela. Para iso segue facendo falta sacar a copia fóra.

O que cambia de verdade é o que pasa cando algo vai mal. Ata agora, se a app non podía ler o seu ficheiro, arrancaba baleira e en silencio e o aviso chegaba semanas despois, ao cadrar o trimestre. Agora baixa soa á copia máis recente que si se lea, e dío: en Axustes aparece unha banda que non se pode quitar co día e a hora exactos dos datos que estás vendo, e coa única instrución que importa nese momento —comprobar cal foi a túa última factura antes de emitir ningunha máis, porque a numeración e a cadea de pegadas continúan a partir do que haxa dentro da app.

Desde Axustes podes ademais restaurar ti calquera das cinco, e vai polo mesmo camiño que un ficheiro importado de fóra: compróbase a cadea, amósaseche que hai dentro e pregúntase dúas veces. Que a copia veña de dentro non é motivo para pedir menos cerimonia; é motivo para pedir a mesma, porque é a que se fai con présa.

E a app deixou de finxir que con isto abonda. Agora sabe cando sacaches a túa última copia fóra do móbil e cantas facturas entraron desde entón, e dicho nunha banda enriba da lista de facturas cando de verdade toca: cinco rexistros novos, ou un mes. Se fas as túas copias, non verás esa banda nunca, que é exactamente o punto: un aviso permanente déixase de ler á segunda semana e entón tampouco se le o día que fai falta.

Que trouxo a 0.13

Os borradores do trimestre. A app sabe perfectamente o que facturas; do que compras só sabe o que lle digas, e esa é exactamente a metade que falta para que un 303 signifique algo. Na pantalla nova apuntas os gastos do trimestre e o IVE que soportaches neles, e saen as casas do modelo coas cifras das túas facturas xa postas.

Co 303 van o 130 —que é acumulado desde o 1 de xaneiro e non por trimestres soltos, así que a suma faina a app co que xa apuntaches antes, que é xusto a que se fai mal a man— e, se os activas, o 111 das retencións que lles practicas a outros e o 115 do alugueiro do local. A aritmética fiscal é a mesma que a do servidor: os modelos viven no motor, coas súas probas, e a pantalla só pregunta e amosa.

Cada casa di de onde sae o seu número: das túas facturas, do que escribiches ti ou do que calcula o propio modelo. Nun papel que mestura as tres cousas, iso é o único que permite saber que hai que repasar. E o que non entrou nas casas dise á parte, co seu importe diante: as operacións exentas, a inversión do suxeito pasivo, os suplidos e a recarga de equivalencia existen e hai que declaralos, pero non aí. Calalos deixaría o borrador curto de cartos de verdade.

Todo se leva nun PDF que pon BORRADOR na cabeceira, no pé de cada páxina e no nome do ficheiro. Non é unha manía: un papel con casas oficiais e aspecto de impreso confúndese só se se lle deixa. Isto non presenta nada, non manda nada á Axencia Tributaria e non é asesoramento fiscal; serve para levalo ao xestor ou para telo diante mentres se teclea na sede. Chégase desde o panel.

Que trouxo a 0.12

Esta versión non engade funcións: arranxa a que menos se perdoa, que é vela. A app úsase de pé, cunha man, a media mañá e moitas veces ao sol, e estaba pensada para mirarse con calma. As tarxetas van agora brancas sobre un fondo gris en vez de ao revés —gris sobre branco son 1,05 a 1 de contraste e a plena luz sinxelamente non se ve onde comeza cada bloque—, e os bloques sepáranse cun bordo, non cunha sombra: unha sombra ao sol non existe.

Todo o que se toca leva un contorno que se ve. O gris de antes daba 1,4 a 1 sobre branco, moi por debaixo do 3 a 1 que se esixe para o bordo dun control, e o efecto era o que cabía esperar: un campo non parecía un campo. Ademais, as letras dos formularios soben a 17 e os campos e os botóns principais a 56 puntos de alto, que é o que mide a xema dun dedo.

Os orzamentos e as proformas perden o vermello enteiro: van en gris grafito, co bordo descontinuo e coa súa etiqueta —ORZAMENTO, PROFORMA— na esquina onde unha factura levaría o seu estado. A ausencia de vermello é a mensaxe: isto aínda non está facturado, e vese sen ler nada.

E ao abrir a app xa non hai pantalla de entrada. Pedía un correo e un contrasinal que non se comprobaba contra nada: catro toques antes da primeira factura a cambio de cero protección, porque as facturas están no propio móbil e o móbil xa ten o seu desbloqueo. Agora éntrase directo. O correo ofrécese unha soa vez, cando fas a primeira copia de seguridade ou o primeiro envío á xestoría —que é o momento no que a pregunta se explica soa—, e pódese dicir que non sen que volva saír. A pantalla do logotipo queda; o que desaparece é a peaxe.

Por último, unha corrección de texto que importa máis do que parece: ao anular unha factura, a app di agora que o rexistro de anulación queda encadeado e pendente de envío á Axencia Tributaria. Dar por comunicado algo que non saíu do aparello é exactamente o malentendido que acaba en sanción.

Que trouxo a 0.11

O gordo: facturar falando. En Emitir, arriba de todo, hai un botón de ditar. Dis a factura de corrido —«tres horas de consultoría a cincuenta euros para Talleres Gómez, NIF B12345678»— e a app saca o cliente, o concepto, a cantidade, o prezo e o IVE. Entende os números como se din («mil douscentos», «trinta e cinco», «unha hora e media»), o IVE dito de varias maneiras, o «sen IVE» e o «IVE incluído», e separa varios conceptos dunha mesma frase en varias liñas.

O que non fai, e é o importante: emitir. O ditado amósaseche antes de tocar nada, co total diante e co anaco de frase do que saíu cada liña ao lado, e só cando lle dás a encher vólcase no formulario de abaixo. Emitir segue sendo un acto á parte, teu, despois de telo lido. O motivo é concreto: un recoñecedor de voz confunde «sesenta» con «setenta» e «dous mil» con «dous mil cincocentos», e ese erro non se oe ao falar, porque un lembra o que dixo e non o que a máquina entendeu. Vese léndoo. E unha factura emitida non se borra: rectifícase con outra factura.

Se o teu aparello non trae recoñecemento de voz, ou se estás onde non se pode falar, hai unha caixa para escribir a mesma frase: pasa polo mesmo sitio e enténdese igual.

Ademais, tres cousas das que se notan ao abrir: unha pantalla de portada coa marca, unha pantalla de entrada co teu correo —aínda non comproba nada contra nada, e sempre podes entrar sen conta— e o botón de traer un cliente da axenda, que agora é ancho, pon Seleccionar cliente da axenda e está xusto enriba dos campos que enche, en vez de perdido na esquina da cabeceira.

E unha aclaración que toca facer: os orzamentos e as facturas proforma xa estaban na 0.10. Non se vían porque se chegaba a elas desde o menú dos tres puntos, que Android agocha. Agora chégase desde botóns que están á vista.

Que trouxo a 0.10

O primeiro, os orzamentos. Fanse igual que unha factura —mesmo cliente, mesmas liñas, mesmos IVE e descontos— pero un orzamento non é unha factura e a app non finxe que o sexa: non gasta número da túa serie, non entra na cadea de pegadas e non conta como facturación mentres o cliente o está pensando. Sae en PDF, coa súa validez, para mandarllo.

Cando o acepta, convértese en factura sen volver teclear nada: aí si colle número, encadéase e aparece na túa lista coma calquera outra. Se o rexeita, queda apuntado co motivo, que dentro de seis meses é xusto do que non te lembras.

E o segundo, as facturas recorrentes: as igualas, as cotas e os mantementos. Defínese a plantilla unha vez —cada semana, cada mes, cada trimestre ou cada ano, co día que toca, con data de inicio e de fin se a ten— e a app encárgase de avisarte do que hai que emitir. Tamén do que quedou atrás: se estiveches dous meses sen abrila, amósache os dous períodos pendentes, ata doce cara atrás. No concepto podes escribir {periodo} e {año} e enchéchos, así que «Iguala de {periodo} {año}» sae como «Iguala de outubro 2026» sen que a toques.

O que non fai, e é a propósito: emitir soa. Non hai botón de «emitir todas». A app dise que toca, amósache o número que vai saír e emítelo ti, dunha en unha. Un número de factura non se desfai, e unha aplicación que factura mentres dormes é unha aplicación que un día factura a un cliente que se deu de baixa o martes.

Unha consecuencia que convén saber: unha factura recorrente leva a data do seu período, non a do día que a emites, porque a iguala de outubro recuperada en novembro é de outubro e declara no seu trimestre. A única excepción é cruzar o ano: un período de decembro que recuperes xa en xaneiro sae con data de xaneiro. É o que evita repetir un número de factura, e a app avísacho antes de emitilo.

Que trouxo a 0.9

O primeiro, o calendario fiscal. A app xa sabe que che vence e cando: o 303 e o 130 de cada trimestre, o 111 e o 115 se retés, o 390 de xaneiro e o 347 de febreiro, coas datas reais —incluída a domiciliación, que pecha cinco días antes que a presentación e é onde se colle máis xente—. E non é un recordatorio xenérico: ao lado de cada vencemento vai a cifra que che vai tocar, calculada coas túas facturas do período. Saber que o 20 de outubro hai que pagar é unha cousa; saber que son 1.240 € é outra, e é a que fai que os cartos estean.

Aparece no panel, co que vence primeiro diante, e cando falten doce días ou menos sae tamén nunha banda enriba da lista de facturas, que é a pantalla onde de verdade se entra. Convén dicilo claro: son avisos dentro da app, non notificacións do móbil. Se non abres a app, non soa nada. As notificacións de Android chegarán máis adiante.

E o segundo, o teu logotipo e a túa cor na factura. Ponse en Axustes, gárdanse sós en canto os elixes e saen no PDF que recibe o teu cliente: o logotipo arriba á esquerda, enriba do teu nome —que segue saíndo, porque o nome e o NIF son obrigatorios e unha imaxe non os substitúe—, e a túa cor no titular, na raia da cabeceira e na caixa do líquido a percibir.

O que non se tinxe, a propósito: o selo de ANULADA, as bandas de aviso e a marca VERI*FACTU. Ese vermello non é decoración, significa algo, e pintalo da túa cor convertería un aviso nun adorno. Se elixes unha cor clara, as letras escurécense soas o xusto para que se lean sobre o branco do papel: na pantalla do móbil, con fondo escuro, un amarelo corporativo vese perfectamente, e no folio impreso que abre o teu cliente non se ve nada. A app avísate cando o tivo que facer.

Nada disto viaxa á Axencia Tributaria nin entra na pegada: non cambia nin un importe. Si convén saber que o logotipo aparece tamén nas facturas xa emitidas, porque o PDF vólvese debuxar cada vez que se comparte. É inofensivo, pero se reenvías unha de marzo verala coa marca de hoxe.

Que trouxo a 0.8

O grande é a anulación. Ata agora, unha factura emitida por erro quedaba posta. Xa se pode anular, e convén entender que significa iso, porque non é borrar: a factura conserva o seu número e a súa pegada, queda no histórico marcada como anulada, e o que se engade á cadea é un rexistro novo que di que quedou sen efecto. O número non se reutiliza xamais. A partir de aí deixa de contar como facturación, desaparece do que hai que cobrar e do facturado ao cliente, e o PDF sae marcado como ANULADA en todas as súas páxinas, para que quen xa o tivese saiba que non hai que pagalo nin deducilo.

Antes de anular nada, a app pregunta se o que fai falta non será rectificar. A diferenza importa: anular é para a factura que non debeu existir; se a operación se fixo pero a factura ten algo mal, o que toca é unha rectificativa. Anular o que había que rectificar borra unha operación real e desconcerta o trimestre.

O NIF compróbase mentres se escribe, o teu e o do cliente, co algoritmo oficial de DNI, NIE e CIF, e sen conexión. Non impide escribir: avisa debaixo do campo e volve avisar antes de emitir. É o único dato dunha factura que se pode teclear mal sen que nada rechine, e entra no cálculo da pegada, así que despois de emitir xa non se corrixe.

E desde Axustes prepárase o envío á xestoría: elixes o trimestre ou o ano e a app monta un ZIP cos PDF de todas as facturas do período, o CSV para importar e un resumo de bases e cotas separadas por tipo de IVE, que é como se enche o 303. As anuladas van na súa propia carpeta e non suman. É o que se fai catro veces ao ano e ata agora consistía en rebuscar no correo.

Que trouxo a 0.7

O primeiro, algo que ata entón faltaba e que non é un extra: a copia de seguridade. As facturas viven só no teléfono, que é exactamente o que se perde cando se perde o teléfono, e a obriga de conservalas catro anos segue sendo túa. Desde Axustes gárdase unha copia no correo ou na nube cun toque, e restáurase igual de doado: antes de deixala entrar, a app recalcula a cadea de pegadas do ficheiro e amósache que contén —de que emisor, cantas facturas e de que datas— para que confirmes cos datos diante. Hai tamén exportación a CSV para o asesor, con punto e coma e coma decimal, que é o que abre ben un Excel español.

Despois, o control de cobros. Cada factura pode levar apuntado o que se cobrou, enteiro ou a prazos, e a lista amósao: o pendente, se está vencida e desde cando. Pódese filtrar por sen cobrar, vencidas ou cobradas, e buscar por número, cliente, NIF ou concepto. Un cobro non é un rexistro de facturación —non se asina nin se remite— e por iso si se pode corrixir e borrar, ao revés que a factura, que non se toca nunca.

Tocando o resumo que hai sobre a lista ábrese o panel: o facturado no ano e no trimestre en curso, comparado co mesmo punto do ano pasado, os últimos doce meses en barras e a antigüidade do que está sen cobrar, para saber se o que falta leva unha semana ou leva un ano.

E desde o detalle dunha factura saen as dúas cousas que se fan cunha factura xa emitida: repetila —mesma factura, data de hoxe, número novo— e rectificala, por diferenzas ou por substitución. Ningunha das dúas emite nada pola súa conta: as dúas abren a pantalla de emitir con todo posto para revisalo antes de asinar.

Que trouxo a 0.6

Unha factura xa pode levar varias liñas, cada unha coa súa cantidade, o seu desconto e o seu tipo de IVE, e o resumo que se ve ao pé calcúlao o mesmo motor que despois asina o rexistro: o que amosa a pantalla é exactamente o que se emite, sen diferenzas dun céntimo. O campo de concepto suxire o que xa facturaches antes, co prezo que lle puxeches.

Hai ademais unha axenda de Clientes con NIF ou documento estranxeiro, enderezo, vencemento habitual e recarga de equivalencia, de modo que facer a factura número douscentos ao cliente de sempre non obriga a teclear outra vez os seus datos. Se xa tiñas facturas emitidas, a axenda énchese soa a partir dos seus destinatarios. Editar ou quitar unha ficha non toca ningunha factura xa emitida: os datos do cliente van copiados e asinados dentro de cada unha.

Sobre as actualizacións

A app comproba ao abrirse se hai unha versión máis nova e avísate. Isto non é un capricho: a versión do sistema informático viaxa dentro de cada rexistro de facturación e entra na cadea de pegadas, así que se algunha vez hai que retirar unha versión, a app deixará de emitir —nunca de deixarche consultar o xa emitido— ata que actualices.

Sen conexión non se bloquea nada: pódese facturar igual.

Se algo vai mal

Escribe a soporte@obtechnologies.com contando que facías e que pasou. Recibirás un número de tícket.